“Vivimos nun mundo no que as mulleres seguimos tendo a culpa de todo”

PONTEVEDRA> Difundir os valores de igualdade e loitar contra a violencia machista. Ese é o obxectivo principal dos premios Comunicar en Igualdade. Uns galardóns que poñen o foco nos artigos de autoría feminina dos principais xornais da nosa comunidade e que este ano premiaron a unha xornalista pontevedresa. O seu nome é Sara Vila e o seu traballo titúlase “O noso toque de queda”.

“Conter a respiración durante os dous segundos que tarda o portal en pecharse. Apretar as chaves entre as mans e finxir que falas por teléfono”. Así comeza o artigo “O noso toque de queda”. Un traballo, da xornalista Sara Vila, que recibiu segundo premio do concurso “Comunicar en Igualdade”. Un galardón que pretende poñer en valor o traballo das mulleres nos principais xornais de Galicia.

“O noso toque de queda” pon de manifesto a importancia de seguir loitando pola igualdade. Por unha sociedade na que a violencia machista deixe de ser o noso pan de cada día e na que se deixe de poñer o foco nas vítimas.

Sara Vila fala neste artigo do medo. Un sentimento que, por desgraza, segue a estar presente en moitas nenas, mozas e mulleres.

Un premio que demostra a importancia de seguir inculcando, sobre todo entre os máis pequenos, os valores de igualdade e de respecto. Un paso máis, en definitiva, para que as mulleres, sen necesidade de facerse as valentes ou de aprender artes marciais, poidan camiñar soas pola rúa, demostrando cal é “O noso toque de queda”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí