BARRO> A empresa Artesa, especializada en produtos do mar e situada no polígono de Barro, faise co selo de Galicia Calidade. A compañía dedícase sobre todo ao envasado e distribución de vieiras e ourizos. A dirección da empresa salienta que coa certificación do seu produto se lle está dando un valor engadido ao seu traballo. Reivindican a súa calidade e, sobre todo a orixe dos recursos cos que traballan, 100% galegos.
A empresa Artesa está instalada no polígono de Barro dende o ano 2022. Con todo a súa traxectoria vén de lonxe porque antes de trasladarse a estas novas instalacións xa operaba no porto de Marín. Malia o cambio de localización o que nunca mudou foi o seu compromiso coa calidade e a orixe galega dos seus produtos. Unhas liñas de traballo que levaron a esta compañía, especializada en produtos do mar, a facerse agora co selo de Galicia Calidade.
A empresa encárgase do procesado, envasado e distribución de produtos do mar, en especial, vieiras, pero tamén ourizo ou navalla. Centrada no mundo da distribución para a hostalería, nestas novas instalacións danlle valor ao produto, substituíndo toda a importación por recursos galegos.
Esta mañá a xerente de Artesa asinaba o certificado de Galicia Calidade xunto coa xerente deste selo.
Con esta empresa, son xa máis de 170 empresas de produtos ou servizos certificadas co selo de Galicia Calidade.











