PONTEVEDRA> Acordo entre os sete concellos que beben do Lérez para buscar unha solución á xestión do abastecemento de auga. Esta mañá, representantes de Pontevedra, Marín, Poio, Bueu, Sanxenxo, Vilaboa e Ponte Caldelas reuníronse coa conselleira de Infraestruturas e a directora de Augas de Galicia. Un encontro no que decidiron impulsar a creación dun ente supramunicipal para xestionar a auga en cogobernanza.
Avances na procura dunha solución para a xestión do abastecemento de auga dos concellos que reciben o seu subministro do Lérez. Hoxe os sete municipios, Pontevedra, Marín, Poio, Bueu, Sanxenxo, Vilaboa e Ponte Caldelas acordaron a creación dun organismo supramunicipal.
O compromiso dos concellos é iniciar os trámites a partires do mes de outubro. Iso si, aínda teñen que estudar cal será a fórmula escollida para dar cumprimento á Lei de Augas.
Actualmente, o concello de Pontevedra ten a concesión de captación de auga e encárgase do mantemento das instalación de abastecemento. Dende o goberno local amosaron tamén a súa disposición a buscar unha fórmula que permita a cogobernanza da xestión do servizo.
Nesta liña pronunciáronse tamén os alcaldes de Sanxenxo e de Poio. Celebraron que o encontro desta mañá permitira desatrancar un problema que existe dende hai décadas.
Un dos concellos que xa se puxo prazos foi o de Sanxenxo. Telmo Martín asegurou que levará a cuestión ao pleno municipal o vindeiro 25 de setembro.