O PSOE denuncia ante o fiscal supostas irregularidades no concello de Cambados

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/09setembro/02/denuncia_psoe_concello_cambados.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/09setembro/02/denuncia_psoe_concello_cambados.mp4{/flowplayer} 

 

PONTEVEDRA> Os socialistas de Cambados denuncian ante o fiscal presuntas ilegalidades no concello. A súa voceira entregou esta mañá un informe no que apuntan supostas irregularidades nas retribucións a traballadores municipais e na contratación de empregados temporais. 

Os socialistas cambadeses poñen baixo sospeita a xestión do concello. O grupo presentou esta mañá un informe ante á Fiscalía, no que denuncian supostas irregularidades no pagamento de complementos de produtividade e gratificacións con carácter fixo a algúns traballadores municipais.

Outro dos focos da denuncia, póñeno sobre os servizos do arqueólogo municipal. Segundo a voceira socialista, dende o 2003 emítense facturas de 1.445 euros ao mes ao seu favor, sen que exista unha relación contractual entre o técnico e o concello.

O PSOE non quixo sinalar que tipo de delito podería estarse a cometer, por iso agarda o pronunciamento da Fiscalía.

Apuntan, tamén, a que estas xestións realizáronse a pesares da existencia de reparos de Intervención, que foron levantados pola alcaldía. 

No que vai de 2014, os socialistas xa presentaron cinco queixas ante o Valedor do Pobo porque o goberno municipal lles negou o acceso a documentación á que terían dereito como concelleiros.