Os catro imputados polo naufraxio do ‘Ficha Segundo’ evitan á cadea

    RIBEIRA> O xuíz si ve indicios dun posible delito de homicidio por imprudencia grave, polo que decretou, despois do acordo de conformidade, oito meses de prisión para eles así como o pago dunha multa de 2.880 euros e nove meses de inhabilitación. Os catro imputados polo naufraxio do pesqueiro ribeirense Ficha Segundo, afundido en febreiro de 2010 fronte ás costas de Burela, no que perdeu a vida o mariñeiro ribeirense Francisco José García Pouso, non terán que ir ó cárcere, ó non ter ningún deles antecedentes penais, despois de chegar a un acordo coa fiscalía, e aceptar os oito meses de prisión e o pago dunha multa de 2880 euros, así como a inhabilitación para o exercicio das súas correspondentes profesións. Trátase dos dous patróns do barco e os dous armadores, ós que o fiscal lles atribuía un posible delito contra os dereitos dos traballadores, por un delito de homicidio por imprudencia grave. O fiscal pedía inicialmente tres anos de prisión e outros tantos de inhabilitación. Segundo se desprende das súas conclusións, o ministerio público sostén que os acusados, cada un no ámbito das súas respectivas responsabilidades e funcións, adoptaron decisións erróneas, cuxas consecuencias últimas foron o afundimento do buque e o falecemento do mariñeiro. Ademais recolle que os armadores consentiron que un tripulante sen a necesaria titulación tomara decisións que afectaron á seguridade do barco e consentían e aceptaban que a tripulación non tivera a familiarización necesaria coas medidas de emerxencias e a utilización dos medios de seguridade ó seu alcance.