A mostra ‘Golfiños na Proa’ da CEMMA recala en Boiro

BOIRO> As persoas que se acheguen estes días ata a casa consistorial de Boiro poderán visitar a exposición ‘Golfiños na Proa’ pertencente á Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, CEMMA.

A través dela o que se busca é difundir a diversidade de cetáceos e outras especies que viven ou pasan pola costa galega.

A mostra foi inaugurada oficialmente esta mañá coa presenza da responsable provincial de Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, quen incidiu no feito de concienciar sobre a importancia de protexer o medio mariño e as nosas costas.

Pola súa banda o alcalde Xosé Ramón Romero aludiu ó valor educativo e de concienciación ambiental da exposición, que visitarán nas vindeiras semanas os escolares dos diferentes centros educativos do municipio.

A exposición, que poderá visitarse ata o 4 de novembro, consta de diversos paneis informativos dos cetáceos e mamíferos mariños de Galicia, así como de varios restos óseos de cetáceos, lobos mariños e tartarugas.