VILAGARCÍA> A comisión de desafiuzamentos de Vilagarcía négase a condoar os impostos a unha moza da cidade que leva catro anos sen traballo, tivo que entregar a súa casa ó banco por non poder pagar a hipoteca e vive agora nunha tenda de campaña. Seguro que lembran o caso de Lidia Mouta que lle relatabamos hai dúas semanas. Esta moza residente en Vilagarcía, desde o 2010 en paro, e que a principios deste mes víase obrigada a entregarlle a súa vivenda ó banco por non poder custear a hipoteca. Solicitaba ó concello a condoación da débeda polo impago do imposto de Bens Inmobles e taxas, débeda que supera os mil euros e que, sen ingresos, alega que é incapaz de abonar. Segundo nos relataba, nun principio o concello prometéralle bonificarlle o 90 por cento da débeda, pero da noite para a mañá todo cambiou. No seu día o departamento de Servizos Sociais negouse a ofrecer explicacións a esta canle sobre a situación da afectada alegando que era un tema delicado e que debía tratarse na comisión de desafiuzamentos. Esa comisión reunida esta mañá decidiu propoñer á afectada o pago fraccionado, pero non cancelar a débeda. Escúdanse na Lei. Din que condonar o pago de taxas e impostos é ilegal, pero que a norma si contempla a posibilidade de ofrecer facilidades de pago a aquelas persoas que non poden poñerse ó día coas obrigas tributarias por problemas económicos.
Inicio Salnés - Caldas









