A Deputación de Pontevedra presume de ser a administración que máis investiu en Arousa no que vai de lexislatura

O SALNÉS> A Deputación de Pontevedra destinou 59 millóns de euros ós concellos de Arousa no que vai de lexislatura. Segundo a presidenta do ente provincial, a Deputación é administración que máis investiu na comarca. Dende Carril, Carmela Silva explicou que só a través do Plan Concellos, a Deputación fixo 300 obras nos 12 municipios da nosa contorna.

Datos obxectivos e números que se poden comprobar un a un. Así de contundende quixo ser Carmela Silva á hora á hora de presenta-lo balance de investimentos da Deputación de Pontevedra nos concellos de Arousa. No que vai de lexislatura, o ente provincial destinou 59 millóns de euros aos concellos de Cambados, Catoira, O Grove, A Illa, Meaño, Meis, Pontecesures, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilagarcía e Vilanova.  Para Silva, a Deputación é a administración que máis fondos destinou á comarca.

Só co Plan Concellos, os investimentos da Deputación pontevedresa roldan os 29 millóns de euros. A presidenta salientou o novo modelo de reparto de fondos entre municipios, por primeira vez, dixo, baseándose en criterios obxectivos. A través do Plan concellos, a Deputación impulsou 300 obras en Arousa.

Outro dos grandes proxectos do ente provincial é o Plan de Reequilibrio Territorial, que supuxo para a nosa contorna o impulso de cinco proxectos singulares, como as Casas Modernistas da Illa de Arousa, a reforma da praza de España de Meis ou a construción do Auditorio do Grove. Sobre os dous caos que remataron nun contencioso, un proxecto en Valga e outro en Vilanova, Carmela Silva cre lexítimo que recorran ós xulgados aínda que insiste: non cumpriron as bases.

Outro dos asuntos que puxo sobre a mesa Carmela Silva é o futuro das Pousadas do Salnés. Despois de investir máis de 2 millóns de euros, xa entraron en funcionamento as da Armenteira e da Lanzada. En breve abrirá a de Meaño, quedando só por solventa-la situación da de Ribadumia. Silva tachou de ‘incrible’ que a anterior Deputación acabase erguendo o edificio en terreos da Igrexa e apuntou que o seu goberno está traballando co Concello en atopar, canto antes, unha solución ó problema.