‘Máis da metade das persoas que padecen Alzheimer están sen diagnosticar’

    PONTEVEDRA> Na actualidade existen en Pontevedra máis de vinte cinco mil persoas cunha demencia neurodexenerativa. Un diagnóstico precoz é fundamental para atrasar os efectos do Alzheimer. Non se pode previr, pero si ralentizar os seus efectos. É o chamamento que fan desde as catro asociacións que na provincia pontevedresa prestan atención a enfermos e familiares. O próximo luns conmemórase o día internacional desta doenza. En Galicia estase a converter na epidemia do século XXI. Na actualidade máis de 800.000 persoas en España padecen Alzheimer, e a cifra podería duplicarse no próximos 40 anos. No caso da provincia de Pontevedra, segundo as catro asociacións de familiares de enfermos que existen, habería 25.000 persoas cunha demencia neurodexenerativa. A detección precoz é fundamental. Para poder desenvolver estas políticas, as asociacións piden a implicación da administración. Hoxe a Deputación de Pontevedra fíxolles entrega dunha achega de 15.000 euros a cada unha para continuar con esta labor. Apoio ós doentes pero tamén, fundamental, ós familiares.