Un novo roubo a punta de pistola, esta vez no restaurante Jenaro

    RIBEIRA> O suceso está a levantar unha certa preocupación entre o sector hostaleiro e comercial da comarca do Barbanza. A Policía Nacional de Ribeira investiga a posible autoría dun roubo a punta de pistola cometido onte pola noite no restaurante Jenaro, situado na céntrica rúa de Galicia. Segundo os datos ós que tivo acceso esta redacción o atracador entrou no local hostaleiro coa cabeza cuberta cun pasamontañas ameazando cunha arma ó propietario do establecemento que nese momento se atopaba atendendo a un cliente. Ó parecer o atracador realizou tamén un disparo ó aire, tratando de intimidar ó dono do local para que lle entregase o botín que podería ascender a uns 350 euros, para posteriormente abandonar á presa o establecemento. A pesar da rápida chamada ás forzas da orde, que se personaron no lugar á maior brevidade de tempo posible, nada se sabe polo de agora do atracador. Ata o lugar do suceso xa se desprazaron unidades da Policía Científica e Xudicial para tomar mostras e mesmo analizar a bala disparada, coa finalidade de dar co paradoiro do autor dos feitos. Segundo os datos que manexa a Policía todo parece indicar que puidera tratarse do mesmo asaltante que hai unha semana entraba tamén a punta de pistola no Supermercado Eroski Center situado no paseo do Areal.