A Pobra conmemorará o Día da Poesía cun recital aberto á veciñanza

A POBRA> A poesía volverá estar moi presente na Pobra que volverá conmemorar o  Día Mundial deste xénero literario. Será cun recital poético e posterior sesión de micro aberto que se celebrará este venres no auditorio da biblioteca municipal.

Por terceiro ano consecutivo, o concello da Pobra volverá conmemorar o Día da Poesía. Será este venres 20 cun recital no que intervirán catro poetas e a actuación da soprano Esperanza Mara.

A xornada rematará cunha sesión de micro aberto para que o público asistente poida subir a recitar uns versos.

Dende a concellería de Cultura agardan repetir o éxito de público das dúas edicións anteriores nas que o auditorio quedou pequeno para acoller ó gran número de asistentes, con especial presenza da mocidade.