UUAA demanda unha suba do 30% no prezo da uva en Rías Baixas

PONTEVEDRA> A uns días do inicio da vendima Unións Agrarias volve á carga para denunciar que as uvas de Rías Baixas aínda non teñen un prezo fixado para este ano, e non o terán. O sindicato asegura que co desfase que houbo esta campaña cos custes de produción o prezo do quilo debería fixarse en 1,30 euros. Acusan á Xunta de pasotismo por non convocar a mesa do viño e de deixar ‘a precaria situación dos viticultores’ a merced das adegas. Se o panorama xa pintaba negro este ano para os viticultores de Rías Baixas, con perdas de colleita, custes de produción que se dispararon nun 30 por cento por mor das pragas e da inestabilidade meteorolóxica, agora, chegado o momento da vendima, nin saben canta uva poderán salvar tralas chuvias, nin a canto poderán cobrar a que collan, nin sequera cando a poderán cobrar. Unións Agrarias e o Sindicato Labrego Galego denuncian o ‘total desregulamento’ no que se atopa o sector. Unha situación da que responsabilizan sen tapuxos a Xunta e adegas. Ós primeiros por non convocar a Mesa do Viño este ano. Ás segundas por saltarse, din, sistematicamente os contratos homologados. Segundo os sindicalistas, Rías Baixas arrastra tres anos de baixa rendibilidade nas explotacións pero como contrapartida, conseguíronse incrementar as vendas de viño nun 30 por cento e hai necesidade de uva. Por iso reivindican á Administración que faga cumprir a lei e actúe xa para que o prezo da uva este ano se axuste ós custes de produción. Segundo o Sindicato Labrego Galego, a contía mínima debería ser un 30% superior ó euro por quilo que se fixou na Mesa do Viño do 2013. É dicir, 1,30 euros. Unións Agrarias calcula que tralas chuvias destes días, a colleita total na Denominación podería caer ata os 20 millóns de quilos fronte as previsións iniciais do Consello Regulador de 25 millóns.