Pontevedra pon en marcha a campaña #EusonLoureiro co obxectivo de apoiar ao comercio local

PONTEVEDRA> O Concello de Pontevedra porá en marcha unha campaña para apoiar ao comercio local da rúa Loureiro Crespo. O obxectivo da mesma é que os empresarios non se vexan afectados polas obras que se están a levar a cabo nesta zona da cidade. A iniciativa coñecerase como “Eu son Loureiro” e contará cun orzamento de 18.000 euros.

O pasado mes de abril, o Concello de Pontevedra poñía en marcha esta reforma. Unha das actuacións máis ambiciosas do goberno municipal xa que conta cun orzamento de case 3 millóns de euros. Pero como en toda obra, estes traballos afectaron directamente aos empresarios da zona. Por iso, e co obxectivo de que esta reforma teña o menor impacto posible entre os comercios e locais, o goberno municipal anunciou hoxe a campaña #EusonLoureiro.

Tras reunirse coa asociación de empresarios desta zona, o Concello inicia agora a segunda fase de actuación. O goberno municipal elaborará un censo de todos os negocios que existen actualmente nesta rúa co obxectivo de fomentar o comercio de proximidade entre os veciños.

Por outra banda, o goberno local está tamén recompilando datos e material gráfico dos negocios para crear unha exposición na que se dea a coñecer a historia deste barrio.

A última fase desta campaña poñerase en marcha no mes de decembro. Ademais de impulsar unhas rutas polo barrio, os comerciantes repartirán tamén uns agasallos entre os seus clientes.

A campaña “Eu son Loureiro” contará cun investimento de 18.000 euros e o goberno local non descarta estender esta iniciativa a outras zonas da cidade onde tamén se leven a cabo obras coma esta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí