Rianxo despide como se merece ás Festas da Guadalupe

    RIANXO> O tradicional feirón mariñeiro, aprazado o pasado xoves por mor da chuvia, encheu as rúas do casco histórico da vila, confirmando que se trata dunha das actividades con maior atractivo do programa de festas. Totalmente ateigadas de xente, as rúas do casco antigo da vila, fundamentalmente a praza Rafael Dieste, a Praciña ou nas rúas Consistorio Vello ou Paio Gómez Chariño, zonas nas que tamén se situaban a maior parta dos postos ambulantes, viviron unha volta ó pasado coa celebración do tradicional feirón mariñeiro. Unha actividade que este ano tivo que verse suspendida do seu día habitual na programación das festas, o xoves, debido ó mal tempo. Aínda así o cambio non foi para mal, cunha resposta masiva, tanto de veciños e visitantes, que non quixeron perderse nada desta cita, que co paso dos anos se está a converter nun dos grandes atractivos do cartel da Guadalupe. Con anterioridade, o venres como vén sendo tradición, celebrouse tamén un dos momentos máis emotivos e máis agardados polos rianxeiros como é a cantata da rianxeira, aínda que este ano a actividade se veu moi condicionada pola chuvia. Un ano máis miles de voces entonaron ó unísono, acompañadas das orquestras, esta canción popular, á luz das bengalas, que tamén provocaron algún que outro incidente, aínda que por fortuna non houbo que lamentar danos de consideración, agás pequenas queimaduras. Tras unha fin de semana de resaca festiva, Rianxo comeza a recuperar a normalidade mirando xa con ganas para as festas da Guadalupe de 2015.