Os xeiteiros de Arousa continúan coas súas protestas

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/09setembro/24/manifestacionxeiteirosarousa2409141.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/09setembro/24/manifestacionxeiteirosarousa240914.mp4{/flowplayer} RIANXO> Reclaman a retirada do xeito desta prohibición, ó considerar que se trata dunha arte de pesca artesanal, que nada ten que ver co cerco, moito máis agresiva. Ó redor dun centenar de xeiteiros de toda a ría de Arousa concentráronse este mediodía na casa consistorial rianxeira para seguir coas súas protestas polo plan de xestión para as capturas da sardiña posto en marcha polo Ministerio de Agricultura, que contempla o peche total para o que resta de ano desta peixería, ó terse capturado xa ás máis de 20 mil toneladas estipuladas no TAC correspondente á flota española e portuguesa. Os xeiteiros consideran desproporcionada esta medida, que os colleu totalmente por sorpresa. Síntense seriamente prexudicados, xa que existen armadores que se dedican todo o ano á captura desta especie, ós que non lle quedaría outra que amarrar o seu barco ó porto, marchándose toda esperanza de ingresos. Piden que se reconsidere esta medida, e se exclúa ó xeito desta prohibición, con cotas diferenciadas para o xeito e o cerco. Na súa loita, os xeiteiros contan co apoio do executivo rianxeiro, que esta mesma mañá os recibiu na casa consistorial, mostrándolle o seu total apoio nesta reivindicación. Os xeiteiros, que están tamén á espera da confirmación dunha xuntanza con responsables da consellería de Medio Rural para analizar este asunto, teñen previsto seguir coa súa loita ata as últimas consecuencias, xa que o plan pon en serio risco o seu medio vida e o futuro de moitas familias, ó redor dunhas mil persoas, poderían verse afectadas en toda Galicia.