Os comisos de marisco e aparellos de pesca triplicáronse na Arousa

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/09setembro/22/reunion.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/09setembro/22/reunion_furtivismo_presidencia_mar.mp4{/flowplayer}

VILAGARCIA> Os comisos de marisco e artes de pesca este ano na Arousa multiplicáronse por tres con respecto ó ano pasado. Este é un dos datos que ofreceron esta mañá nunha comparecencia conxunta o Conselleiro de Presidencia e a Conselleira do Medio Rural e do Mar; no buque do Servicio de Gardacostas Irmáns García Nodal, amarrado no Porto de Vilagarcía. A Consellería de Presidencia e a de Medio Rural e do Mar veñen de achegar os últimos datos das accións conxuntas que levan desenvolvendo contra o furtivismo. En total, no que vai de ano, comisáronse 77.500 quilos de diferentes especies, na súa maioría xarda, mexillón, xurelo, ameixa e polbo. Unha cantidade de incautacións que supón un 24 % máis que o ano pasado; chegando na Arousa a triplicar a cantidade intervida nos últimos meses. Incautáronse 13.200 artes e aparellos de pesca ilegais, maioritariamente nasas, cacharros e miños non regulamentarios. Amais, imputáronse a 150 presuntos furtivos entre o ano pasado e o que vai deste. Estas son, grosso modo, as cifras que deixa a loita contra o furtivismo en Galicia desenvolvida de xeito conxunto por Axentes do Servicio de Gardacostas e da Policía Autonómica. Ámbolos dous Conselleiros quixeron ollar sobre o terreo a acción conxunta destes dous corpos de loita contra o furtivismo. Deste xeito esta mañá embarcáronse no buque Irmáns García Nodal para comprobar o seu xeito de traballar, ó tempo que mantiñan unha xuntanza de traballo entre cos principais axentes implicados na loita contra a acción furtiva. Nesta comparecencia a Conselleira falou tamén, entroutros asuntos, da inminente apertura do libre marisqueo; unha campaña que traerá presumiblemente escaseza de berberecho nos Lombos do Ulla.