Carril, a vila na que Rosalía contemplaba o mar, súmase ás homenaxes á poeta padronesa

VILAGARCÍA> Antes de falecer Rosalía quería ve-lo mar e para iso veu a Carril, unha vila na que a poetisa adoitaba pasa-las tempadas de verán. A localidade participa este ano por primeira vez nos actos conmemorativos da morte da poetisa de Padrón. A organización preparou diversos actos. Hoxe, por exemplo, inaugurouse unha mostra na Estación de Ferrocarril carrilexa. Mañá haberá unha subida de embarcacións polo río ata Padrón.

Carril estivo presente en Rosalía e na súa literatura. O mar de Arousa tamén formou parte da vida da poetisa. O de Carril foi o último mar que puido comtempla-la autora padronesa antes da súa morte. Pouco antes de finar, a autora de Cantares Gallegos emprendeu unha singradura dende a praia da Covacha  ata a estación de tren, onde Rosalía colleu o seu derradeiro tren.

Carril participa este ano por primeira vez nos actos conmemorativos da morte de Rosalía de Castro. Dende o Concello de Vilagarcía celebran a iniciativa, na que están implicados a Fundación Rosalía de Castro , Amigos de Carril e o Colectivo Rompetimóns.

Onte xa houbo unha dramatización das últimas horas que pasou a de Padrón na vila carrilexa. O Museo do Ferrocaril inagurou hoxe unha exposición e a esta hora está tendo lugar unha dramatización na praia da Covacha. Na xornada de mañá sábado está prevista unha homenaxe do mar a Rosalía, aquel mar de dornas que a poetisa quixo gardar no seu ollar antes de morrer.  Haberá unha subida de embarcacións polo río ata Padrón como homenaxe á autora nacida en Santiago.

O domingo, entretanto, celebrarase a xornada “Abride a fiestra” na Casa da Matanza de Padrón. Será  unha xornada de portas abertas, con teatralizacións, regueifas, visitas guiadas e a actuación musical de Najla Shami e Mercedes Peón.