Pésimas expectativas ante a apertura do libre marisqueo

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/09setembro/26/carril.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/09setembro/26/falta_marisco_lombos.mp4{/flowplayer}

AROUSA> Non hai marisco nos Lombos do Ulla; con esta desoladora nova, que xa coñecían, comezarán o mércores a campaña de libre marisqueo os mariscadores da Arousa. Onte os patróns maiores dos dous lados da Ría reuníronse en Carril con técnicos da Consellería do Mar para intentar coñecer a orixe da alta mortandade do berberecho, e tamén da ameixa deste banco. O próximo mércores reábrese a campaña extractiva nos bancos de libre marisqueo da Ría de Arousa; principalmente nos Lombos do Ulla, aínda que tamén hai quen se achega ó Bohído ou a Cabío. Pero este ano as expectativas son peores que nunca tralos informes dos científicos nos que revelan unha alta mortaldade de bivalvos. Onte a tarde reuníronse na delegación da Consellería do Mar en Carril os patróns da Arousa que se amosan altamente preocupados por esta situación. Os técnicos do departamento autonómico sinalaron o virus da marteilia como principal axente mortal do berberecho; unha explicación que non xustifica a morte tamén das ameixas. Para paliar os efectos desta situación e tamén para limpar os fondos, os patróns maiores propuxeron ó Executivo Autonómico volver a traballar o “relojito”. Aseguran que fixeron unhas análises na Universidade nas que se reflicten contido de chumbo moi por debaixo do permitido; o que faría deste bilvalvo un bó complemento para facer o xornal do día. Queren que a Consellería realice as súas propias análises, que de seren positivas, levarían a unha apertura desta especie. Estes patróns volverán a reunirse con técnicos de Mar a vindeira semana, unha vez que comproben sobre o terreo o estado deste banco marisqueiro dos Lombos do Ulla.