Ribeira reivindica a diversidade afectivo-sexual no Día do Orgullo

RIBEIRA> O concello de Ribeira conmemorou este mediodía o Día do Orgullo LGTBI. O acto institucional contou coa sexóloga Hadriana Ordóñez como pregoeira. Numerosos veciños e entidades sociais do municipio sumáronse tamén ó evento participando nunha lectura de poemas.

Ribeira volveu reivindicar o respecto e poñer en valor a diversidade na celebración do Día do Orgullo. Unha data que segue sendo moi necesario conmemorar fronte á intolerancia e a persecución que sufre o colectivo, sendo aínda a homosexualidade constitutiva de delito en máis de oitenta países.

Trala lectura do manifesto por parte da concelleira de Igualdade tomou a palabra a pregoeira deste ano. Ademais do seu caso persoal, a sexóloga Hadriana Ordóñez expresou as dificultades que atopan moitos dos seus pacientes nunha sociedade aínda hostil e intolerante ante a diversidade.

O acto concluíu cunha lectura pública de poemas a cargo de diversas entidades sociais e cidadáns anónimos que quixeron aportar o seu gran de area a esta xornada reivindicativa.