Concello e PP manteñen o enfrontamento polo servizo de recollida de lixo

    POIO> A polémica continúa a rodear o servizo de recollida de lixo do concello de Poio. Goberno e Partido Popular manteñen un cruce de acusacións e interpretan de xeito moi diferente os resultados da comisión de investigación aberta polo executivo. Mentres o concello asegura que quedou demostrado que os veciños de Poio non pagan pola xestión do lixo doutros municipios, os populares cren que quedan demostradas as súas acusacións.

    As posturas de concello de Poio e Partido Popular sobre o servizo de recollida de lixo non se achegan nin trala comisión de investigación posta en marcha polo goberno local. Hoxe, o executivo comparecía para asegurar que, tralas declaracións de responsables da empresa Valoriza e coa documentación achegada, non ven posible que Poio estea a pagar polo lixo doutros concellos.

    A comisión formouse despois de que o voceiro do Partido Popular lanzara esas acusacións, baseándose na oscilación anual nas contías de refugallos recollidos. Dende o goberno insisten en que as pesaxes dos camións son exhaustivas, e non ven que exista posibilidade de fraude.

    A empresa si recoñeceu que en ao redor de 20 ocasións dende o 2016 algúns camións do concello de Poio empregáronse en servizos na Illa ou no Porto de Marín. Porén, explicaron que se debeu a situacións moi concretas. O concello xa solicitou á empresa a elaboración dun protocolo para que o goberno local sexa informado. Así as cousas, manteñen que isto non sostén as acusacións de Moldes.

    Diferente é a visión do Partido Popular. En nota de prensa, a formación interpreta que a acta da comisión confirma como condutor, encargado e responsable de Valoriza demostran e afirman que os poienses pagan lixo doutros concellos. Aseguran que estes traballadores recoñeceron traer lixo do Porto de Marín para Poio nos camións de uso exclusivo do municipio, algo prohibido por contraro. Por iso, acusan a Barreiro de mentir.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí