Sanidade confirma a ampliación das Urxencias do Hospital do Barbanza

    RIBEIRA> O alcalde de Ribeira vén de manter unha reunión coa conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, na que a responsable autonómica lle trasladou o compromiso da Xunta de Galicia de activar a ampliación eremodelación da área de Urxencias do Hospital da Barbanza. A Consellería de Sanidade xa conta cun estudo previo de reforma no que se delimitan as liñas de actuación a realizar. A intención do departamento autonómico é redactar o proxecto no 2015, como paso previo á licitación e execución da obra, cuxo orzamento estimado supera o millón de euros. O estudo contempla como solución máis viable para a ampliación de Urxencias a ocupación do espazo exterior de acceso, de grandes dimensións. En concreto, a parte que actualmente está cuberta sería empregada como sala de espera de familiares, postriaxe e recepción de pacientes, en tanto que a zona exterior sen cubrir daría servizo ao acceso a ambulancias. Segundo explicou Rocío Mosquera, para que o acceso de ambulancias a esta zona da explanada sexa viable, será necesario como primeira fase do proxecto modificar o trazado da estrada exterior, que é de titularidade municipal, rectificando ao mesmo tempo a pendente excesiva actual.