Convocada unha mobilización comarcal para este sábado na Pobra polo futuro das pensións

POBRA> Baixo o lema, ‘Por unha xubilación digna’, as Plataformas de Xubilados fan unha chamada á participación na manifestación que terá lugar a partir das doce da mañá dende o centro sociocomunitario. Despois de dous meses con manifestacións semanais a nivel local na maioría dos concellos da zona, as Plataformas de Xubilados do Barbanza teñen convocado para este próximo sábado unha mobilización comarcal á que convidan a asistir a toda a veciñanza na defensa das pensións públicas. Para os pensionistas non lles vale agora o acordo que o Goberno Central vén de asinar co PNV que establece que as pensións subirán neste ano ó 1’6%, en virtude da inflación prevista para este exercicio e segundo o IPC en 2019. Entre outras cuestións reclaman a derogación das reformas lexislativas de 2011 e 2013, a eliminación do índice de revalorización, que se deixe sen efecto o factor de sustentabilidade das pensións ou restablecer a xubilación ordinaria de novo nos 65 anos. A mobilización partirá este sábado ás doce dende o centro sociocomunitario da Pobra.