Gelucho destituído coma adestrador Club Deportivo Boiro

BOIRO> Os malos resultados neste inicio ligueirolevaron á xunta directiva a tomar a decisión de cesar ó adestrador de Cacheiras. As imaxes que están a ver correspóndense co día da presentación de Gelucho coma primeiro adestrador do Club Deportivo Boiro, hai agora tres anos. Durante este tempo viviuse unha das mellores etapas na historia do club, incluíndo o ansiado ascenso a terceira división, e unha fase de ascenso a Segunda B. Aínda así e a pesar dos éxitos, o fútbol non ten memoria e vive do presente. Os malos resultados neste inicio ligueiro, o Boiro non sabe o que é gañar e ocupa a penúltima posición con tan só catro puntos dos dezaoito disputados, levaron á xunta directiva a cesar ó técnico de Cacheiras. Era un segredo a voces nas últimas semanas en Boiro. Se o equipo non conseguía a vitoria en Vigo ante o Rápido de Bouzas sería despedido. E así foi. A derrota por tres goles a cero ante os vigueses levou á toma desta decisión. O equipo xa traballa na contratación dun novo técnico. Varias son as opcións que baralla a directiva que agarda concretar nos próximos días. De momento, e de xeito interino o adestrador dos cadetes, fíxose cargo da primeira plantilla.