Máis apoio ós xeiteiros da Ría

    RIANXO> O xeiteiros da ría de Arousa teñen a súa vista posta na reunión convocada para mañá martes en Madrid pola Secretaría Xeral de Pesca, na que se analizará toda a documentación enviada pola Xunta de Galicia, á espera de que sexa reconsiderada a postura inicial, e se deixe fóra do plan de xestión para as capturas da sardiña, a este tipo de arte de pesca artesanal. Coa máxima expectación quedan tamén á espera da reunión que os propios patróns maiores da Ría manterán este próximo mércores coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, na que serán informados das últimas novidades ó respecto. Mentres tanto os xeiteiros continúan recibindo apoios as súas protestas en contra da prohibición que lles impide seguir traballando. Mañá martes, en pleno, a corporación rianxeira debaterá unha proposta de apoio á súa reivindicación, que se suma ás da Asociación Minorista de Pescado Bertorella de Ribeira e ó colectivo de Artes Menores de Galicia, así como á expresada días atrás polo sector do cerco, que en boca do seu presidente, cualificou de absurdo que a Unión Europea queira prohibir a arte tradicional do xeito.