![]()
SALNÉS> O regatista vilagarcián Ero Pons finalizou cuarto na súa cita no Gran Prix de Armisticie de Clase Finn disputado durante estes días en Francia e que rematou onte. Foron catro días de probas nos que se cumpriron as previsións meteorolóxicas previstas con fortes ventos de ata 35 nós.
O regatista Ero Pons del Liceo Casino de Vilagarcía partía o pasado venres dende as instalacións do Centro de Alto Rendemento de Vela de Santander cara a Francia para disputar o 40° Gd Prix de l Armistice. Convocado pola Federación Española de Vela o preolímpico de Finn, xunto ao catalán Alex Muscat, debía baterse polo mellor posto entre os máis de 60 participantes de distintas nacionalidades. Rivais de nivel que puxeron a proba o galego, quen respondeu con habilidade ante unha frota moi igualada.
Así, o actual subcampión de España da categoría deu a batalla ata o último momento. Catro días de probas nos que se cumpriron as previsións meteorolóxicas previstas, fortes ventos de ata 35 nós moi caprichosos daban a benvida ás unidades en competición. Os distintos refachos complicaban as manobras dos participantes que na súa maioría foron capaces de capear a situación.
Na súa estrea gala, o liceísta era capaz de meterse entre os primeiros nun triángulo olímpico a cubrir en 60′, recollendo así os froitos dun duro adestramento previo na súa concentración en Santander. Se ben, un role xogaba unha mala pasada ao regatista galego e mentres que Muscat finalizaba primeiro, Pons tiña que conformarse cunha máis que meritoria quinta praza. Xa a súa descualificación na segunda das mangas deste primeiro día, por unha saída prematura, lle afastaba dos postos de cabeza e do seu compañeiro catalán, quen asinaba outro primeiro parcial.
A segunda xornada da cita en Francia sorprendía con chuvia e fortes ventos que obrigaban o comité organizador a suspender as probas programadas. En palabras do propio Pons, satisfeito co seu papel na previa: Non me podo queixar, estiven en todo momento preto dos tres primeiros, que non se pode esquecer están no Top 20 do ránking mundial da clase". Unha boa progresión a do vilagarciano, que a falta das probas restantes non daba por perdido un xiro nas clasificacións finais.
O luns, os ventos frouxos do norte aliábanse co representante galego, que ascendía a cuarta posición tras completar tres mangas. Así, Ero aferrábase a un cuarto posto nas dúas primeiras cinguidas pisando os talóns aos líderes, e ao termo da proba, tras unha acertada táctica, lograba a súa primeira vitoria, mentres que na segunda era cuarto, e na última quinto. Entrando xa en xogo o descarte da malograda saída prematura, unha vez anulada a súa peor marca, Pons era cuarto na clasificación, acariciando o bronce, a falta dunha única xornada. Muscat pola súa banda seguía imbatible dende o primeiro caixón do podio.
Un vento do sur de intensidade 12 despedíu onte á frota e permitía completar ata dúas mangas. Tras catro xornadas de competición o regatista do Liceo Casino de Vilagarcía logrou manter a cuarta posición, á que se aferrou dende o inicio, cunha diferenza de 11 puntos sobre o quinto, e moi preto do terceiro que foi o español Alex Muscat, actual rival directo do arousano no ranking nacional da clase finn.
Motivado coa súa progresión, Pons non está disposto a renunciar a manterse entre os mellores, en resposta á confianza da Federación Española de Vela, coas miras postas na cita máis importante do seu calendario que chegará en Semana Santa en Palma, xa que, esta regata será unha das probas puntuables para confeccionar o equipo preolímpico do próximo ano, meta para a cal o vilagarcián está a centrar tódolos seus esforzos.
Redacción Salnés









