Parte das demandas no IES da Pobra do Caramiñal serán atendidas

    POBRA> As obras, que se acometerán no Nadal, consistirán basicamente na supresión das barreiras arquitectónicas, o pintado das instalacións e a conexión do edificio á rede de saneamento municipal. As demandas da comunidade educativa do IES da Pobra do Caramiñal, que partían da propia ANPA e a dirección do centro, veranse en parte atendidas, principalmente aquelas que fan referencia ós problemas estruturais que presenta actualmente o edificio. Nunha xuntanza mantida na Coruña ca delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, na que tamén tomaron parte representantes da consellería de Educación e tamén o alcalde, Isaac Maceiras, os representantes do centro conseguiron arrancar o compromiso de acometer durante o período non lectivo das vacacións de Nadal, co obxectivo de non interferir na actividade académica, os traballos necesarios para a supresión das barreiras arquitectónicas no perímetro do recinto educativo e dotar ó centro dun novo acceso na parte traseira. Tamén se acometerá o proxecto para executar a conexión das dependencias do instituto á rede municipal de saneamento e se tratará de buscar a mellor solución para eliminar as humidades detectadas en distintas zonas do edificio. Ademais, dende a Administración Autonómica tamén anunciaron que xestionarán ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia a mellora da accesibilidade a internet. Dende o concello tamén reiteraron a súa vontade de iniciar no menor prazo posible o pintado das instalacións, uns traballos que se realizarán en colaboración coa propia dirección do centro, que aportará o material.