Outes acollerá en agosto o I Master Nacional de Futbolín A Riola

OUTES> Esta mañá presentábase no concello de Outes a a primeira edición do Master Nacional de Futbolín.

O Torneo, organizado pola asociación A Riola, en colaboración co Concello, desenvolverase no pavillón polideportivo municipal os días 1, 2 e 3 de agosto.

Eses días a localidade converterase no epicentro deste deporte tradicional a nivel nacional, xa que se agarda unha participación superior ás cen parellas.

No torneo, no que se repartirán uns dez mil euros en premios entre os oito primeiros clasificados de cada categoría, distribuirase en tres modalidades: parado, combinada e en movemento, tanto en categoría masculina coma feminina.

Dende o Concello incidiron na importancia deste Campionato, que nace coa idea de continuidade.

Para máis información ou inscricións no Torneo as persoas interesadas poderán dirixirse ó teléfono 698159423 ou ben a través das redes sociais da Riola Futbolín.

Dende a organización quixeron agradecer tamén a axuda do Concello, e tamén das numerosas empresas e casas comerciais que colaboran co Torneo, xa que sen a súa axuda sería imposible poder levalo adiante.