¿Gañar un Ironman en Pontevedra?

PONTEVEDRA> Concello de Pontevedra e Javier Gómez Noya formalizaron esta mañá o convenio de patrocinio que durante dous anos, un máis prorrogable, os vencellará. Pontevedra ofrecerá apoio económico para a carreira deportiva do triatleta e Noya levará a imaxe da cidade por todo o mundo. No encontro saíu a posibilidade de traer a Pontevedra un campionato de Ironman. Segundo o alcalde é unha posibilidade complicada pero na que están a traballar. 24.200 euros anuais durante os próximos dous anos, prorrogables outro máis. É a esencia do convenio que veñen de formalizar concello de Pontevedra e o triatleta Javier Gómez Noya, acordo que espertou desencontros entre os socios de goberno pero que sae adiante coa finalidade de apoiar economicamente ó deportista mentres este promove a imaxe da cidade por todo o mundo. Gómez Noya, ferrolán de nacemento, pontevedrés de adopción, ten desde hai anos o seu centro de adestramento na cidade do Lérez e presume dela aló por onde vai. Os éxitos acadados esta tempada valéronlles unha homenaxe hai uns días no concello, e agora, pretende recompensarse esta promoción co apoio económico. Centrado na preparación dos Xogos de Río, Gómez Noya agradeceu o apoio do concello nuns anos que serán vitais na súa carreira. E falando de plans de futuro, tamén saíu a posibilidade de organizar en Pontevedra un Ironman, competición cara a que Gómez Noya está a enfiar a súa carreira. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/09setembro/30/gomeznoyaconvenio.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/09setembro/30/GOMEZ_NOYA.mp4{/flowplayer}