O pavillón de Noia aumentará o seu aforo e mellorará a súa accesibilidade

NOIA> Tralo ascenso do Noia Fútbol Sala a Primeira División, o concello está a acometer unha serie de melloras no pavillón municipal e na súa contorna  para adaptalo ás novas necesidades do club de cara a nova tempada. Os traballos implicarán a ampliación do aforo e a mellora da accesibilidade.

Os traballos que se iniciaron esta mesma semana no exterior do pavillón Agustín Mourís buscan mellorar a accesibilidade e as condicións de evacuación ó recinto habilitando novas saídas.

Tamén no interior executaranse melloras nos vestiarios e instalaranse novas gradas para ampliar a capacidade do polideportivo que poderá acoller máis público.

O concello agarda que estas actuacións, valoradas en 35 mil euros, estean rematadas a finais de agosto para comezar a tempada nas mellores condicións posibles.

A continuación está previsto executar outra serie de actuacións máis ambiciosas, en colaboración con outras administracións, como a ampliación dos espazos para estacionamento, a dotación dun ximnasio e a mellora exterior do inmoble. O montante total de tódolos proxectos ascende a 150 mil euros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí