RIBEIRA> O mundo do mar deixa de novo unha tráxica nova na comarca do Barbanza. A desaparición dun mariñeiro de Corrubedo fronte as costas da Bretaña, cando faenaba a bordo do pesqueiro ‘Faro Picamillo’. Co paso das horas en Corrubedo a nova da desaparición de Ismael Lema corre como a pólvora. Xa quedan poucos veciños que non coñezan o triste desenlace deste mariñeiro de 43 anos que desaparecía o pasado martes no pesqueiro ‘Faro Picamillo’ con base en Marín e que faenaba fronte ás costas da Bretaña, en dirección ó Gran Sol. Ó parecer Ismael, que fora recentemente contratado como segundo de máquinas neste buque facía garda nocturna no momento da súa desaparición. O compañeiro que ía relevalo non o atopou no barco, momento no que se deu a alarma e se iniciou o rastrexo. Hoxe é todo unha incógnita e son moitas as posibles hipóteses que se barallan para chegar a explicar o acontecido. O que está claro é que co paso das horas as posibilidades de poder atopalo con vida esvaécense pois as temperaturas do mar nesa zona do Atlántico son moi adversas. A familia pon agora tódalas esperanzas no feito de poder atopar o seu corpo pero, transcorridas xa bastantes horas dende a súa desaparición, parece tamén bastante improbable, máxime cando as autoridades francesas, que se encargan da súa busca, informaron de que dan por rematados os labores de rastrexo.
Inicio Barbanza - Muros - Noia