O PPdG vai trasladar as demandas dos veciños de Portas ao Parlamento

    portasvecios_100jpg.jpg

    PORTAS  >  Os veciños de Portas reuníronse esta mañá con deputados do PPdG para expoñerlles a súa preocupación ante a inminente ..

    ..supresión da estación de tren de Portas. Trala xuntanza, os populares Alejandro Gómez Alonso e Pilar Rojo, comprometéronse a traslada-las demandas dos veciños ó Parlamento a través dunha proposición non de lei, na que reclamarán que se garantan o servizo, no concello de Portas, e nos outros 8 que tamén van quedar sen tren.

    Se onte a coordinadora de afectados en defensa da estación de tren de Portas se reunían co grupo parlamentar do PSdeG-PSOE, hoxe varios veciños viaxaron de novo ata o Hórreo para manter unha xuntanza similar co portavoz do PP da cámara. Fixérono acompañados polo alcalde Roberto Vázquez. Para os habitantes de Portas perder a estación suporía quedar illados dun medio de comunicación que empregan a cotío, principalmente os estudantes, para desprazarse a núcleos urbáns máis grandes coma Pontevedra ou Santiago.

    O deputado socialista Ismael Rego comprometeuse onte coa coordinadora de afectados “Portas non pode perder o tren”, a xestionar co Ministerio de Fomento a revocación do documento no que se declara o levantamento das vías ferroviarias de Portas, ante o futuro paso do AVE. Pero a loita pola permanencia da estación de Portas, tamén a quixeron secundar hoxe dende o goberno local, que organizou a xuntanza de hoxe cos deputados do PPdG.

    De tódolos veciños que hoxe viaxaron ata Santiago, só catro deles, ademais do alcalde, puderon estar na xuntanza. O seu obxectivo é acadar un compromiso similar por parte do PPdG na busca dunha solución ó conflito pola supresión do tren.

    Redacción Salnés