Galicia distinguida como un dos mellores destinos gastronómicos

GALICIA> Turismo de Galicia foi premiado cun dos galardóns dos Top-10 de Turismo e Cultura concedidos pola Asociación do Grupo de Xestión de Medios Culturais e Turísticos. Esta selección dos ‘TOP-10 en Turismo e Cultura’, realízase cada dous anos e vén a completar, de forma independente, os Premios Oficiais da Organización Mundial do Turismo 2014 , cuxa entrega terá lugar o 28 de xaneiro de 2015 en FITUR. O proceso de selección consistiu nunha primeira fase con 25 entidades, empresas, actividades ou lugares, cuxa excelencia e innovación turística, relación calidade-prezo, servizo, atención pública, comunicación, promoción, garantía, e outros valores positivos, foron recollidos polo ‘Panel cualitativo de Opinión Líder Ibercom’, por profesionais e persoal relacionado co Turismo e a Cultura. En total, foron máis de 1.000 enquisados de cualificada entidade os que seleccionaron as primeiras 25 nominacións e, delas, as 10 máis votadas serán as que reciban a distinción de honra dentro da súa actividade e presenza pública. Desta forma, a Asociación do Grupo Xestión de Medios Culturais e Turístico e Xestión Técnica e Iniciativas (Gestec), xunto coas asociacións profesionais españolas e a ‘European Association of Professionals of Culture’, fará entrega, aos dez seleccionados, do diploma e acta notarial que os acredita como entidades galardoadas coa distinción de honra. Este ano, coincidindo co lema do Día Mundial do Turismo, destacáronse os valores de innovación, comunicación, promoción, difusión e servizo en diferentes sectores relacionados coa cultura e o turismo.