FESTEAR chega á Pobra con diversas actividades para todos os públicos

    POBRA> O Concello da Pobra do Caramiñal ven de presentar o Festival de Teatro e Artes (FESTEAR) que se vai realizar dende o sábado 18 deste mes ata o domingo 26. Contará con diferentes actividades para todos os públicos e ca presenza da actriz e directora de teatro Vanesa Sotelo.

    O programa FESTEAR abarca un abanico de diversas actividades da man de diferentes agrupacións como por exemplo O Trasno, Trécola, Títeres Alakran e Bradomín Teatro. Trátase dun proxecto destinado tanto a un público infantil como a un público adulto ou familiar. As actividades celebraranse ó longo de todo o día durante a semana de teatro; repartidas pola mañá nos centros educativos e polas tardes nas rúas e no auditorio do Lagar. O programa FESTEAR ten unha orientación temática centrada na problemática da muller e na súa mocidade. Cabe destacar a presenza de Vanesa Sotelo, actriz e directora de teatro, que impartirá varios obradoiros na Casa Raquel Soler. Outra das novidades é a presentación do número 80 da Revista Galega de Teatro; relacionada tamén co tema da mocidade da muller. Tanto a edil de Cultura, Encarna González, como o director e autor teatral, Fran Godón, invitan a todos a participar nas actividades que se celebraran durante toda a semana. Na páxina festear.com inclúese toda a información relativa a horarios e reparto de actividades. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/10outubro/14/presentacionprogramafestearpobra1410141.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/10outubro/14/presentacionprogramafestearpobra141014.mp4{/flowplayer}