A concellería de Festexos de Noia apraza ‘sine die’ a celebración da ‘Feria’

266

NOIA> As razóns esgrimidas para a sua cancelación, a escasos días da súa celebración, son as posibles irregularidades legais xurdidas nas contratacións. A dous días da súa celebración, a concellería de Festexos e a asociación de hostaleiros ‘Noia en Marcha’ decidiron suspender a ‘Feria’. As razóns da cancelación da festa, na que se incluían as actuacións de Los del Río e Azúcar Moreno, entre outras, parecen responder a posibles irregularidades legais detectadas na organización do evento que foron denunciadas por varios grupos da oposición. Dende o colectivo de hostaleiros e dende o propio Concello apuntan a que se están a estudar os distintos aspectos legais co fin de poder celebrala noutra data. A nova da suspensión da ‘Feria’ causou unha enorme sorpresa na rúa. As reaccións dende os distintos grupos políticos non se fixeron agardar tampouco. Así dende a Marea piden a dimisión ou o cese do concelleiro de Festexos, José Pérez, debido á mala xestión administrativa da organización do evento. O voceiro desta formación, manolo Seijas, indicou que os gravísimos erros na tramitación fixeron que unha simple solicitude de reunión por parte dos grupos da oposición fixese saltar as alarmas no Concello, provocando, segundo el, que se tivese que suspender todo de xeito apresurado. Para o voceiro da Marea non se pode consentir que un evento que ía financiarse con diñeiro público se realice sen o mínimo rigor administrativo.