A Pobra achega a administración ós cidadáns coa sede dixital

    POBRA> Os veciños da Pobra xa poden realizar calquera trámite dende a casa, durante as vinte e catro horas e os trescentos sesenta e cinco días do ano. Isto é grazas á nova sede electrónica que vén de poñer en marcha o concello, en cumprimento da lei de acceso ós servizos públicos. O concello da Pobra estrea a súa sede electrónica a través da cal os cidadáns poderán realizar calquera trámite municipal por vía telemática. Ademais da solicitude de certificados e consulta de expedientes o novo portal permitirá realizar procedementos máis complexos como a presentación de solicitudes de subvencións ou ofertas a concursos públicos. Todo sen necesidade de facer cola nin desprazarse ata o concello, a calquera hora e tódolos días do ano. Coa posta en marcha deste servizo ó que accede dende a propia web municipal o concello dá cumprimento ás esixencias legais en materia de transparencia e avanza un paso máis na súa política de achegar os servizos os cidadáns. Para a realización dos trámites online é preciso contar cun DNI electrónico ou certificado dixital. De non dispoñer de ningún deles, o portal permite igualmente acceder á información e descargar os formularios pero sería preciso presentalos no concello.