RIBEIRA> Esta semana concluíron os traballos de construción do novo polideportivo de Palmeira. Trátase dun moderno e funcional edificio en cor branca, cunha superficie total de 2.457 metros cadrados distribuídos en dúas plantas: unha planta baixa de 557 metros e outra semisoto de 1.900. Está previsto que en breve se proceda coa urbanización do entorno dun inmoble que levará o nome de Alcalde Torres Colomer. A planta de acceso conta con dúas entradas, gradas, unha aula polivalente e unha oficina de información; mentres o andar semisoto disporá dunha pista deportiva, catro vestiarios (dous para monitores e dous para minusválidos), aseos xerais e de minusválidos, tres almacéns, dous cuartos de instalación, enfermaría, ximnasio-fitness, cuartos de limpeza e aula polivalente. Ademais dunha función deportiva, o edificio terá ademais unha orientación multiusos, permitindo a posibilidade de albergar outras actividades de alta concorrencia, como proxeccións de películas, concertos, representacións teatrais, etc. Ten unha capacidade máxima de 1.195 ocupantes. A Deputación da Coruña contribuíu ao financiamento da infraestrutura cunha achega económica de 240.000 euros. Cabe lembrar que o prezo de adxudicación para a o remate do inmoble ascendeu a algo máis de 800.000 euros. Está situado en Horta do Barcelo.
Inicio Barbanza - Muros - Noia









