O BNG pide a condonación da débeda ás comunidades de montes

    BARBANZA> Segundo os nacionalistas a nova Lei de Montes de Galicia establece que aquelas comunidades que non fagan fronte a este pago, pasarán a mans da Xunta, que posteriormente as entregará a empresas privadas. Segundo o BNG do Barbanza esta situación podería afectar á practica totalidade das comunidades de montes veciñais en man común que existen en Galicia, ó redor dunhas tres mil. Segundo denuncian os nacionalistas a intención do Goberno que preside Alberto Núñez Feijoo pasa fundamentalmente por retirarlle, tal e como recolle a actual Lei de Montes de Galicia, a xestión do monte a aquelas comunidades que teñen convenio coa Administración e non teñen ó día as súas obrigas, para entregarllas posteriormente a empresas privadas. Dende as filas nacionalistas considérase que detrás desta decisión hai un claro afán privatizador, favorecendo a determinadas empresas, que ademais non estarán obrigadas a reverter o 40% dos ingresos na mellora do monte e moito menos a investir de xeito voluntario en obras de carácter social e comunitario. Por esta razón dende o BNG esixen a condonación desta débeda, ó seu xuízo falsa, argumentando que non hai ningunha razón legal ou xurídica para no dala. Ademais os nacionalistas fan un chamamento á participación nunha reunión que vai ter lugar mañá sábado, ás oito da tarde, na casa de cultura de Boiro organizada pola Organización Galega de Comunidades de Montes Sábadona que se abordará este tema, así como na manifestación que se celebrará o próximo 22 de noviembre en Santiago.