A Deputación promove o I Encontro ‘Empresas e concellos’

CORUÑA> O evento, de carácter innovador, desenvolverase os días 26, 27 e 28 de novembro en Expocoruña. O presidente da Deputación, Diego Calvo, presentou esta mañá na sede provincial o primeiro Encontro Empresas e Concellos que se celebrará en Expocoruña os días 26, 27 e 28 de novembro. Con esta nova feira de carácter pioneiro en Galicia, preténdese que os 93 municipios da provincia poidan coñecer os servizos existentes no mercado e as novidades que poñen á súa disposición diferentes empresas especializadas en diversos sectores, que a través deste foro poderán presentar aos concellos os seus produtos e servizos. A entrada á feira será gratuíta co obxectivo de que os técnicos municipais e incluso os propios alcaldes teñan a posibilidade de contratar, incluso de xeito mancomunado, diferentes servizos empresariais aos que a diario non teñen acceso. A día de hoxe, a Deputación xa ten comunicado ós 93 concellos da provincia a existencia deste evento e cando estea pechado o programa volverase a informar do mesmo. Ademais dos stands que se instalarán no recinto feiral, de libre acceso para todos os interesados, as xornadas se completarán cun networking, mesas redondas e un calendario de presentacións para as empresas que estean interesadas en presentar un produto concreto.