38 feridos no incendio dun catamarán preto da Illa da Toxa

O GROVE> 38 persoas feridas, cinco delas graves e outras dúas moi graves. É o balance que deixa o incendio dun catamarán que se rexistraba esta tarde no Grove. No momento no que se declarou o lume había 52 persoas a bordo. Todas elas puideron ser rescatadas. Moitas delas tiráronse ó mar, présas do pánico. A columna de fume que provocou o incendio foi visible durante horas dende moitos puntos da ría de Arousa.

O catamarán turístico incendiouse pasadas as catro e media da tarde. No momento no que se declarou o lume, a embarcación estaba acababa de saír do porto do Grove e estaba situado fronte ó campo de golf da Toxa. Nese intre, ían a bordo 52 persoas. Delas, 38 resultaron feridas, segundo datos xa confirmados pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra. Hai dous feridos moi graves, que foron trasladados en helicóptero ó Complexo Hospitalario da Coruña, e outros cinco con prognóstico grave. Neste caso, foron evacuados ó Montecelo de Pontevedra.

A Conselleira do Mar, que se achegou ata a zona, apuntaba que o resto de vítimas sofren feridas de menos consideración.

En canto ás causas do lume, fontes municipais indican  de que hai dúas hipóteses: unha delas é que o barco foi contra unha batea e iso provocou o incendio. A outra é que foi froito dun chispazo no interior da embarcación e que despois se aproximou á batea para facilita-lo desaloxo dos pasaxeiros.

Sexa como for, o certo é que nos primeiros intres foi de vital importancia a colaboración de mariñeiros e outros barcos de pasaxe que colaboraron no rescate das persoas que se estaban a lanzar ó mar dende a embarcación.

No operativo de emerxencia despregado no Grove  interviron dous helicópteros medicalizados, numerosas ambulancias procedentes de distintas localidades da zona, efectivos de Protección Civil, da Policía Local, da Garda Civil. No dispostivo tamén interviron bombeiros e persoal de Salvamento Marítimo que mobilizou ata a zona unha embarcación para tentar sufoca-las lapas.

O catamarán Boramar era un barco moi novo. Estreárase como embarcación turística no Día do Carme, hai pouco máis dunha semana.