Os comercios recuperarán o seu horario pero a desescalada na hostalería terá que agardar

GALICIA> Galicia continuará no nivel máximo de restricións. O comité clínico reuniuse esta mañá e tras avaliar os datos que deixa a pandemia considera que non hai melloría suficiente como para comezar a desescalada. A reapertura da hostalería, as reunións con non conviventes e a recuperación da mobilidade volverán valorarse na reunión do vindeiro luns. Este mércores si haberá un pequeno alivio: o comercio poderá recuperar o horario habitual e retomarase a actividade cultural.

A desescalada comeza tímida en Galicia. Este mércores o comercio poderá recuperar o seu horario habitual, aínda que os centros comerciais seguirán pechando as fins de semana. Terán que facelo, iso si, respectando unha capacidade máxima do 50%. Trala reunión, o comité clínico decidiu manter as restricións máximas en todo o territorio.

Tamén haberá alivio nos eidos deportivo e cultural. Poderán reabrir as instalacións ao aire libre e a competición federada autonómica, e bibliotecas, museos, cines e teatros retomarán a actividade cunha ocupación do 30%.

Os datos da pandemia son mellores, pero a melloría é insuficiente. Por iso, o comité clínico decidiu agardar e a desescalada non chegará aínda á hostalería, ás reunións con non conviventes e á mobilidade entre concellos. Ademais, a Xunta traballará co sector hostaleiro para definir un protocolo de cara á reapertura, que contemple a creación dun rexistro de entrada dos clientes.

A partir do 22 de febreiro reanudaranse as clases presenciais en escolas de idiomas e conservatorios. Na Universidade será o 1 de marzo, despois de facer un cribado entre o alumnado. Abriranse os restaurantes das estacións de servizo para que os transportistas profesionais poidan empregalas de xeito individual.

Ademais, iniciase a desescalada nas residencias a partires deste mércores. Aqueles centros que completaran o ciclo de vacinación hai alomenos dez días poderán recibir ata tres visitas á semana.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí