Sanidade pon en marcha a campaña de vacinación contra a gripe

GALICIA> A Consellería de Sanidade ven de iniciar esta semana a campaña de vacinación fronte a gripe, que se prolongará ata o vindeiro 20 de decembro. A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, acompañada pola xefa territorial de Sanidade, Cristina Pérez, destacou en rolda de prensa que a provincia da Coruña contará neste exercicio con 360 puntos de vacinación distribuídos en centros de saúde e consultorios, hospitais, centros hospitalarios públicos, centros médicos e consultas médicas privados, residencias e centros para a terceira idade de titularidade pública ou privada, unidades asistenciais de drogodependencias, centros penitenciarios e centros de atención a discapacitados. A Consellería de Sanidade prevé superar este ano a taxa de vacinación fronte a gripe acadada na campaña do ano pasado entre a poboación maior de 65 anos, que foi do 52% e chegar a unha cobertura do 65%. Ó igual que no exercicio anterior, farase un especial fincapé na vacinación do persoal sanitario, xa que ademais do beneficio individual para os profesionais, redúcense as posibilidades de transmitir a enfermidade ás persoas ás que coidan e atenden. Así, entre os traballadores de atención primaria e especializada do Sergas, o obxectivo de cobertura é superar o 35%. A campaña está dirixida a todas as persoas de 60 ou máis anos e as pertencentes aos grupos de risco. Nestes últimos, inclúense as persoas con enfermidades crónicas de risco, as embarazadas e as persoas ingresadas en institucións pechadas, entre outras. Ademais, forman parte da poboación diana os grupos con posibilidade de transmitir a gripe a outras persoas de alto risco, como os traballadores de centros sanitarios e sociais, e tamén as que desenvolven traballos esenciais para a comunidade, como policías e bombeiros.