O cerco galego defende a reapertura da anchoa

GALICIA> A polémica xurdida a raíz da reapertura da pesqueira da anchoa na zona 8c do Cantábrico, reuniu á comisión sectorial do Cerco do Consello Galego de Pesca na Consellería do Mar. Nesta xuntanza acordouse apoiar a decisión do Ministerio, porque o recurso existente garante cota suficiente para o 2015. Así mesmo, reclaman a apertura da zona 9a, que vai desde Fisterra ó golfo de Cádiz. Tralas críticas recibidas por vascos e cántabros, os integrantes da Comisión fan un chamamento ó bo entendemento entre as distintas flotas. Lembran os armadores galegos que na maioría dos casos son eles os que se desprazan para faenar e que ninguén lles priva agora, a cántabros e vascos, a exercer a pesca en augas do oeste do Cantábrico.