GALICIA> A Xunta de Galicia presentou o seu anteproxecto da chamada Lei de Portos na primeira das xornadas sectoriais de administracións portuarias autonómicas. Estas xornadas, de carácter anual, dan continuidade ás celebradas o pasado ano en Canarias e recalan por terceira vez en Galicia. O seu obxectivo é xerar o debate entre os distintos xestores autonómicos para permitir o establecemento de sinerxias e o intercambio de coñecemento sobre as principais problemáticas comúns e retos de futuro. Para iso a Xunta de Galicia deseñou un programa de actividades que pretende aportar unha radiografía xeral do conxunto do sistema portuario galego, coordinando as potencialidades dos grandes peiraos dependentes do Estado e os da Xunta de Galicia. A conselleira do Medio Rural e do Mar salientou a importancia de Galicia en materia de tráfico portuario e xestión loxística, xa que só nos portos autonómicos no 2013 superou os dous millóns de toneladas de tráfico de mercadorías. Nestes movementos, sinalou, cobran especial importancia os relacionados co eido marítimo-pesqueiro, xa que Galicia move nos seus portos preto de 165.000 toneladas de pesca fresca, 135.000 de produtos do mar conxelados e arredor de 183.000 de mexillón. As xornadas son o marco perfecto para dar a coñecer ás outras autonomías o anteproxecto da lei portuaria autonómica que a Consellería do Medio Rural e do Mar está a tramitar. A futura normativa, de aplicación nos 122 peiraos de titularidade da Xunta, será a primeira con carácter autonómico que recolla as necesidades específicas dos portos do noso litoral. Entre as principais liñas normativas, a futura Lei de Portos prevé a figura de plans directores de infraestruturas dos portos para planificar a dotación de obras nun horizonte temporal mínimo de 5 anos e contempla a coordinación áxil cos concellos para o ordenamento do solo.
Inicio Galicia