A venda de bens incautados ao narcotráfico recadou 150.000 euros destinados a fins sociais

72

VILAGARCÍA> A Fundación Galega Contra o Narcotráfico e a Xunta de Galicia renovaron esta mañá o convenio de colaboración para o funcionamento do Servizo de Xestión de Bens Incautados ao Narcotráfico.

O servizo facilita a recuperación do valor dos bens incautados a través da súa venda anticipada. A incautación destes bens ós narcos, dende o primeiro momento no que se desenvolven os operativos, tradúcese nun retorno social e nunha solución exemplarizante para as xeracións máis novas.

Dende a súa posta en marcha, no ano 2016, este servizo recadou coas vendas de bens mobles uns 150.000 euros. Entre as incautacións vendidas atópanse vehículos, embarcacións ou equipos informáticos e de telecomunicacións. No caso destes últimos, veñen caracterizados polo seu rápido deterioro e perda de valor. A través deste mecanismo son vendidos ou asignados, en determinados supostos, a causas sociais. A poxa máis alta foi a dun Porsche, por un importe de 35.000 euros.

Un apoio que chega da Xunta a través da renovación do convenio asinado esta mañá. O goberno galego achegará 15.000 euros para manter a disposición dos xulgados un servizo especializado na xestión, depósito e venda anticipada de bens comisados.

Segundo apuntan dende a Xunta, a posta en marcha deste servizo reforza un dos piares básicos da loita contra o narcotráfico: a intervención dos patrimonios procedentes da venda de drogas, unha cuestión, lembran, considerada de importancia estratéxica a nivel internacional.

COMPARTIR