Louzán: ‘Os reformados de Pasarón aprobáronse por unanimidade e sen reparos’

PONTEVEDRA> O presidente da Deputación de Pontevedra e outros oito membros da anterior xunta de goberno do organismo provincial, prestaron esta mañá declaración nos xulgados de Pontevedra polos sobrecustes da reforma do estadio de Pasarón. Louzán declarou que tanto o proxecto como as reformas foron aprobados por unanimidade no pleno da Deputación e do concello de Pontevedra, sen que existise ‘reparo suspensivo ningún’. Así de claro se amosaba o presidente da Deputación de Pontevedra un par de horas despois de comparecer como testemuña nos xulgados da Parda. A citación é produto da denuncia presentada no seu día polo secretario local do PSOE en Pontevedra e concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, polos sobrecustes que rexistrou a reforma do estadio de Pasarón. Unha obra que se licitou inicialmente por 7,2 millóns de euros no 2006 e cuxa dotación económica se modificou ata en tres ocasións ata superar os 17 millóns de euros. Un 105 por cento más do previsto. Xunto a Rafael Louzán, foron citados outros oito membros da anterior xunta de goberno, os vicepresidentes José Manuel Figueroa, Teresa Pedrosa, Xosé Crespo e José Juan Durán, así como os deputados José Balseiro, Salvador González Solla, Jesús María Fernández Portela e José Enrique Sotelo. Segundo relatou Louzán, o fiscal interesouse pola ‘motivación dos reformados’ e se existía algún reparo suspensivo por parte da Intervención ou da Secretaría da Deputación. O presidente provincial fixo especial fincapé en que se tratou dun proxecto avalado por unanimidade, tanto a nivel municipal como provincial. Louzán comparou o sobrecuste de Pasarón co custe final doutros estadios españois e incluso europeos das mesmas ou menores dimensións, como do San Mamés. Dixo o presidente que mentres a dotación final de Pasarón foron 17 millóns de euros por máis de 19.000 metros cadrados construídos, en San Mamés gastáronse 240 millóns en 21.000 metros cadrados, apenas dous mil metros cadrados máis. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/10outubro/24/PASARONLOUZANOK.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/10outubro/24/PASARON_LOUZAN.mp4{/flowplayer}