Luis López nega motivos políticos trala denegación da axuda a Vilagarcía e defende o traballo dos técnicos da Deputación

PONTEVEDRA> O presidente da Deputación de Pontevedra aconsella ao alcalde de Vilagarcía que asuma os seus fallos. É a resposta de Luis López á polémica aberta despois de que a institución provincial denegara á capital arousá unha achega no marco do Plan Extra. Alberto Varela considera que a decisión responde a interese electoral e anunciou que recorrerá ao Contencioso. López negou estas acusacións e defendeu o traballo dos técnicos da Deputación.

O presidente da Deputación de Pontevedra saíu hoxe ao paso das críticas do alcalde de Vilagarcía despois de que a institución excluíra á capital arousá do segundo Plan Extra. Alberto Varela anunciou que levará a cuestión ao Contencioso.

López rexeitou que detrás desta decisión exista calquera motivación política. E defendeu o traballo dos técnicos da Deputación.

Ademais, o presidente asegurou que Ravella tivo a oportunidade de corrixir os erros detectados na súa solicitude. Pero que as achegas foron insuficientes para dar luz verde ao proxecto para mellorar as rúas Aduana  e Cruz, en Carril.

López recordou ademais outras achegas que recibiu Vilagarcía por parte da Deputación provincial para actuacións no concello. No que vai de mandato, a vila recibiu 8,3 millóns de euros. Demostración, dixo, da imparcialidade no reparto de axudas.

Outro concello que quedou fóra deste segundo Plan Extra foi o de Cambados , cun proxecto para construír un skate park no Pombal. Neste caso, o goberno local anunciou que presentará un recurso de reposición contra a Deputación.