Tapeo de alta cociña no Museo de Pontevedra

PONTEVEDRA> Cociña en directo, produtos delicatessen e tapeo para tódolos petos. É a oferta que triunfou para xestionar o restaurante do Museo de Pontevedra. Os artífices, os irmáns Cannas, do restaurante Pepe Vieira. Alta cociña a disposición de tódolos públicos para poñer o broche de ouro a unha visita cultural ó museo. Visitar unha mostra pictórica e rematar tomando unha tapa de alta cociña nunha terraza cunhas vistas á cidade do Lérez. Todos produtos galegos e elaborados no momento, baixo a ollada do consumidor. É a esencia do proxecto que presentaron os irmáns Cannas para abrir ó público un restaurante no museo de Pontevedra. Máis que un resaturante, un Gastrobar. Tapas frías e quentes que se poderán saborear con viños da terra ou degustar estas elaboracións soas na Barra de Viños que se abrirá en outra área deste espazo. Para os que desexen sentar con calma a degustar a cociña dos Cannas nun ambiente relaxado, a terraza. A exaltación dos produtos autóctonos guía toda a idea, de aí que se complete coa instalación dunha pequena tenda onde adquirilos. O proxecto complétase cunha Aula na que Xosé e Xoán Cannas intentarán achegar a gastronomía e a enoloxía ós cidadáns e turistas que pasen por Pontevedra. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/10outubro/28/GASTROBARMUSEOPONTEVEDRA.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/10outubro/28/CAFETERIA_MUSEO_PONTEVEDRA.mp4{/flowplayer}