A Agadic subvenciona con máis de trescentos mil euros a empresas culturais galegas

GALICIA> A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria adxudicou un total de 334.484 euros en axudas a 54 empresas culturais galegas ao abeiro das subvencións á distribución convocadas pola Agadic . Esta contía destínase a financiar 104 propostas de exhibición de espectáculos escénicos e musicais dentro e fóra de Galicia, así como á promoción exterior de produtos culturais mediante a asistencia a feiras e mercados internacionais. A Agadic fixo pública a través da súa páxina web a terceira quenda de adxudicacións nesta categoría, coa que completa a resolución da convocatoria de 2014 neste apartado, destinado a favorecer a mobilidade e a proxección internacional dos artistas e das creacións culturais galegas. Estas axudas á distribución insírense, á súa vez, nunha das dez liñas de subvencións ás industrias culturais publicadas este ano cunha dotación total de máis de catro millóns de euros. No caso concreto das axudas para distribución, para as que se reservaba un orzamento máximo de 350.000 euros, apóiase a totalidade das solicitudes presentadas en prazo e de acordo cos criterios requiridos para a súa concesión automática. Do total adxudicado, un 56 por cento corresponde a 46 propostas de actuacións e xiras a nivel estatal e internacional de compañías escénicas e de grupos e intérpretes musicais, mentres que un 23,55 por cento diríxese á distribución de espectáculos dentro de Galicia a través das 11 proxectos. Ademais, un 17,50 por cento destínase a 34 accións de promoción da nosa cultura mediante a participación de empresas galegas en feiras internacionais e mercados sectoriais dos diferentes ámbitos da industria cultural, mentres que o 2,95 por cento restante diríxese de xeito específico a representacións escénicas ou concertos realizados no marco de feiras e festivais fóra da nosa Comunidade. A través da terceira resolución publicada en www.agadic.info/axudas, a Axencia Galega das Industrias Culturais achega un importe total de 76.233,78 euros a 33 proxectos, que veñen sumarse aos 258.250,31 euros distribuídos entre as 71 solicitudes beneficiarias das dúas primeiras quendas de adxudicacións, xa publicadas a primeiros de agosto e de setembro, respectivamente.