O ‘Suárez Dous’ conxuga tradición cos últimos avances tecnolóxicos

    BOIRO> A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro tomou parte este mediodía en Boiro, en estaleiros Triñanes Domínguez, no acto de botadura dunha nova embarcación. Este é o momento no que as dúas madriñas da nova embarcación, realizaban o bautismo oficial do barco, a súa botadura. O feito de bater unha botella de cava contra a quilla da embarcación é unha tradición que segue viva nos nosos días dende tempos inmemoriais como símbolo de boa sorte. O acto, desenvolvido este mediodía en estaleiros Triñanes Domínguez, foi seguido por un gran número de persoas, especialmente amigos e familiares dos propietarios do barco, pero tamén contou ca presenza de varias autoridades, entre elas o propio alcalde de Boiro, Xoán Xosé Dieste, ou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez. Esta última destacou o resultado do traballo realizado nestes estaleiros que combinan a construción tradicional en madeira cos máis modernos avances tecnolóxicos. Segundo explicou o propio construtor, Xerardo Triñanes, unha das principais características é que o barco está construído na súa práctica totalidade en madeira. O ‘Suárez Dous’, de 32 metros de eslora e 6 de manga, irá destinado ó sector bateeiro,concretamente para o procesado de mexillón a bordo.