A Deputación da Coruña organiza a terceira edición de ‘Xuventude en Movemento’

A CORUÑA> A vicepresidenta da Deputación, Mariel Padín, presentou o Foro Xuventude en Movemento que, por terceiro ano consecutivo, organiza a institución provincial a través de Europe Direct e a Universidade da Coruña para favorecer o emprego entre a xente nova. Celebrarase os días 18 e 19 de novembro na facultade de Economía e Empresa do campus de Elviña. Na rolda de prensa ofrecida esta mañá, Padín destacou a aposta da institución provincial pola xuventude e o emprego, tamén a nivel internacional grazas ao traballo do centro Europe Direct. Sinalou que neste foro os asistentes atoparán respostas claras a preguntas concretas, relacionadas co mundo laboral da man de expertos. A vicepresidenta estivo acompañada pola directora de Europe Direct, Amparo Taboada, e da vicerreitora de Estudantes, Deporte e Cultura, María José Martínez López, que salientou a importancia deste tipo de eventos que buscan mellorar a empregabilidade, máis agora, cando este é un dos eixos vertebradores dos novos títulos europeos. “Desta vez o que estamos a facer é reunir en dous días todas as actividades de formación e información que poden interesar aos mozos, non só aos universitarios”, declarou Martínez López. A vicerreitora destacou a calidade do programa e en especial de dous conferenciantes: Xosé Antonio Touriñán, humorista e ex alumno da UDC, e de Anxo Pérez, galego que traballou como tradutor de Barack Obama e do FBI. Ambos explicarán a súa experiencia laboral e o camiño que seguiron para conseguilo. Ademais, entre as empresas e entidades participantes no foro destacan tres negocios postos en marcha tamén por ex alumnos da UDC: Colada Fácil, empresa de lavandería; Trileuco, de servizos informáticos; e Sinergias, unha iniciativa de intervención social especializada na igualdade de xénero. Este foro nace da iniciativa europea Xuventude en Movemento, un paquete de iniciativas de educación e emprego dirixido a xoves e que dende 2012 forma parte da estratexia Europa 2020 para un crecemento intelixente, sostible e integrador. Este obxectivo coincide plenamente coas peticións de información que recibe Europe Direct na Coruña. Segundo explicou a súa directora, a inserción laboral sitúase entre as principais demandas dos usuarios do centro xunto ao movemento por outros países. Amparo Taboada destacou ademais o éxito das anteriores edicións e desexou que este se repita. Coma novidade, este ano os asistentes, ademais do certificado de asistencia, terán un recoñecemento de 1,5 créditos.